A “XVI Mostra da Camelia Cidade de Narón” desenvolverase esta fin de semana no Centro Comercial Odeón

mércores, 5 de Febreiro de 2020

Os premios serán entregados en sete categorías que valorarán as habilidades botánicas das persoas participantes.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e o edil de Feiras, Santiago Galego, presentaron este luns pola mañá xunto con Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, e Manuel Pico e Manuel Cruz, secretario e tesoureiro, respectivamente da citada entidade, a “XVI Mostra da Camelia Cidade de Narón”, que se celebrará esta fin de semana, o sábado e o domingo, nas instalacións do Centro Comercial Odeón. En total está prevista a participación de cultivadores de camelios de Narón e doutros concellos da comarca, pero tamén chegarán procedentes doutros municipios e comunidades. A convocatoria incluirá a duodécima edición do "Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón”.

O vicepresidente da Asociación Galega da Camelia avanzou que participarán un total de trinta expositores –xa confirmados, aínda que poden anotarse ata mañá xoves máis persoas chamando ao número de teléfono 660 599 700- de Narón e comarca pero tamén chegados de Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e, maioritariamente, de Pontevedra. A apertura e montaxe da Mostra será o sábado a partir das 9.00 horas e ás 13.00 horas o xurado iniciará a calificación dos lotes presentados ao Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón, estando garantido este ano o éxito de floración, tal e como indicou López. Pola tarde, ás 17.00 horas será a inauguración oficial da Mostra que se abrirá ao público coincidindo co acto de entrega de premios e poderá visitarse ata as 20.00 horas. O domingo tamén se poderá ver entre as 11.00 e as 18.00 horas, momento no que se clausurará e nesta xornada inclúese a maiores a visita ao xardín de camelias dun dos socios fundadores da Asociación Galega da Camelia, Abelardo Seoane, ubicado en Magalofes (Fene) e a finca de Manuel Pico, secretario da entidade. As persoas interesadas en asistir deben tamén anotarse previamente (chamando ao teléfono 660 599 700) e reuniranse ás 10.00 horas na explanada da gasolineira de Fene, co fin de saír sobre as 10.15 horas de alí cara ao xardín de Abelardo Seoane, tal e como explicou Eusebio López.

En canto aos premios do citado certame, entregaranse á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulata, á Mellor especie de camelia, ó Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ó Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. A este último premio poderán optar todas as agrupacións que representen a un colectivo (asociacións, entidades culturais, etc.), ás que López animou a participar.

A edil de Turismo explicou que se trata dun evento “moi consolidado no Concello de Narón e que organizamos en colaboración coa Asociación Galega da Camelia para esta fin de semana no Centro Comercial Odeón”. Neste concello, asegurou, “xa é unha tradición facer esta mostra, que cada ano causa máis expectación e recibe máis visitas porque a exposición que fan é todo un espectáculo”, subliñou Hermida.

Finalmente, o edil de Feiras Santiago Galego agradeceu o traballo realizado pola Asociación Galega da Camelia ao longo do ano, “para esta mostra e para a conservación e creación de novas especies como a camelia Cidade de Narón”. Galego asegurou que o Concello está orgulloso de continuar participando neste evento e convidou á cidadanía a desprazarse ao Centro Comercial Odeón para desfrutar desta nova edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón.