A “XVII Mostra da Camelia Cidade de Narón” desenvolverase o 11 e 12 de febreiro nas instalacións do Centro Comercial Odeón

mércores, 25 de Xaneiro de 2023

A décimo sétima edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón celebrarase os días 11 e 12 de febreiro no Centro Comercial Odeón.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron esta mañá o evento acompañadas por Eusebio López e Manuel Cruz, vicepresidente e tesoureiro, respectivamente, da Asociación Galega da Camelia. A convocatoria incluirá o décimo terceiro concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón. Na actualidade, tal e como indicaron, permanece aberto o prazo de inscrición -ata o 10 de febreiro-, tanto para instalar un expositor con camelias como para participar no concurso, debendo contactar coa asociación a través do mail: asociaciongalegadacamelia@gmail.com ou do número de teléfono 660 599 700.

A rexedora local explicou que o programa de actividades comezará coa apertura e montaxe da mostra o sábado 11 ás 9.00 horas, se ben a partir das 13.00 un xurado especializado encargarase de calificar os lotes concursantes do certame, cuxos premios se entregarán pola tarde, a partir das 17.30 horas coincidindo coa apertura ao público da Mostra. Haberá premios á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulada, á Mellor especie de camelia, ó Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ó Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. 

O sábado a mostra poderá verse ata as 22.00 horas, se ben o domingo 12 permanecerá aberta desde as 10.00 ata as 18.00 horas. Tamén o domingo, ás 10.30 horas está programada unha visita a un parque de camelias dun coleccionista. As persoas que queiran acudir, tal e como indicou Eusebio López, deberán anotarse chamando ao teléfono 660 599 700.

Dende a Asociación Galega da Camelia, Eusebio López e Manuel Cruz, agradeceron a colaboración do Concello de Narón para organizar un ano máis este evento. A continuación, a alcaldesa e a edil de Turismo animaron a participar e acudir a ver esta mostra, “un dos eventos que teñen unha gran aceptación entre a xente de Narón, doutros concellos da comarca e tamén de fóra da comarca, no que podemos desfrutar de exemplares moi variados e nalgúns casos moi exclusivos de determinadas zonas”.