A XVIII Feira do Mel e Produtos Ecolóxicos celebrarase o vindeiro domingo no recinto feiral do Trece

xoves, 15 de Novembro de 2018

Uns corenta postos de venda daranse cita o vindeiro domingo, día 18, na décimo oitava edición da Feira do Mel e Produtos Ecolóxicos.

A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou onte o evento, que se organiza conxuntamente coa Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra. A edil animou á cidadanía a acudir a esta cita, que se desenvolverá no recinto feiral do Trece en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 e a entrada é de balde.
    
Apicultores procedentes de Narón e tamén doutros concellos da comarca, como As Pontes e A Capela, entre outros, participarán neste evento, donde venderán mel que elaboran artesanalmente a partir da produción de colmeas particulares. A maiores, haberá no recinto postos de venda de artículos de artesanía, alimentación ecolóxica (marmeladas artesás, aceites naturais, queixos…) tamén elaborados por veciños e veciñas da zona.

A celebración inclúe ademais un apartado pensado especificamente para os nenos e nenas, que terán a oportunidade de participar en varios obradoiros durante a mañá e a tarde. Unha das propostas é un obradoiro para elaboración de figuras con cera e realización de debuxos relacionados co mundo da apicultura, no que poderán tamén ver un vídeo sobre esta temática, e implicarse noutras actividades didácticas e lúdicas. Así mesmo, localizarase no recinto unha figura con forma de vaca na que poderán simular o ordeño e incluso elaborar queixos artesáns, todo en colaboración cun equipo de monitores. 

Para amenizar a Feira do Mel e Produtos Ecolóxicos tamén haberá unha sesión vermú, con música dun DJ e a actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, e no apartado gastronómico instalaranse postos de venda de comida. Coincidindo coa tempada das castañas, haberá tamén un magosto, no que se asarán cen quilos de castañas que se poderán degustar de balde durante a xornada, ata esgotar existencias. 

As persoas que adquiran algún produto dos que se porán á venda recibirán unha papeleta coa que poderán recibir algún dos seis agasallos que se sortearán, tres pola mañá e tres pola tarde, tal e como recordou a edil.

Poderase estacionar tanto na zona da subida ao recinto feiral como na parte posterior das naves, nas áreas habilitadas para tal fin.

A concelleira de Festas asegurou que esta feira “representa unha moi boa oportunidade para que as persoas que o desexen poidan ver e adquirir produtos de calidade e tamén gozar dunha xornada na que coñecer máis polo miúdo tanto o mundo da apicultura como o da produción ecolóxica”.