A Xunta organizou un webinar para informar ao sector hostaleiro do uso da plataforma Turespazo

venres, 5 de Marzo de 2021

A convocatoria contou coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o xefe de área de Innovación Turística, Jorge Barreiro; e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González.

O pasado mércores celebrouse un webinar organizado pola Xunta e dirixido ao sector hostaleiro co fin de informar sobre o funcionamento da ferramenta Turespazo. A convocatoria deu comezo ás 11.00 horas e na mesma interviron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o xefe de área de Innovación Turística, Jorge Barreiro; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, acompañado da asistencia técnica do citado organismo e representantes das asociacións de axencias de viaxes galegas.

Na convocatoria explicouse como a través da ferramenta Turespazo os establecementos poden descargar o cartel necesario para a apertura dos establecementos, obrigatorio dende hoxe, día 5, e o uso da plataforma Turespazo. As persoas que queiran consultar unha guía rápida de uso de Turespazo e o procedemento para a declaración responsable de aforo e trazabilidade poden facelo tamén dende a web do Concello, no enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/declaracion-capacidade-maxima.

Os axentes da Policía Local de Narón estiveron a pasada fin de semana ofrecendo aos locais de hostalería da cidade que reabriron ao público información sobre as medidas de prevención específicas que entraron en vigor en Galicia o pasado venres e, en particular, fixeron tamén incidencia nas que entrarán en vigor a partir de hoxe, día 5.