Benvidas e benvidos ao portal web da Concellería de Turismo de Narón

A través de esta páxina damos a coñecer a enorme riqueza patrimonial, natural, gastronómica e, cómo non, os múltiples eventos que na que é a oitava cidade de Galicia se organizan ao longo do ano. Desde a administración local continuamos traballando para impulsar o sector na localidade e esta páxina é una magnífica plataforma para promocionar o turismo local, porque son múltiples as posibilidades que oferta este concello como destino turístico..

A xoia do noso patrimonio relixioso é o Mosteiro de San Martín de Xuvia, hoxe propiedade da Diócese de Mondoñedo Ferrol. Localizado na parroquia do Couto,  foi declarado Ben de Interese Cultural. Considerado xa antiquísimo no ano 977, o que fora mosteiro familiar dos Condes de Traba e Trastámara, o mellor dotado da Galicia do S. XII, ten un marcado estilo románico. Así mesmo, cabe destacar outras edificacións relixiosas, como o pazo e Capela de Baltar, hoxe convento, na parroquia do Val, e tamén outros templos e capelas de gran valor, como as igrexas de San Lourenzo de Doso ou Santa Margarida, no Val, a maiores das localizadas nos barrios da zona urbana..

Narón é paso obrigado do chamado Camiño de Santiago. O Camiño de Santiago do Norte Costeiro ou de San Andrés, xa pola senda litoral, o Val e o impresionante Megálito da Pena Molexa; por Sedes o Marco de Portonovo; por Pedroso e Doso o carballo de Idrasil e a chamada Ponte Romana de Pielas, relacionados co Camiño Francés, a bailía de San Sadurniño e o Camiño costeiro de Santiago. 

Unha vez na oitava cidade de Galicia, veciñanza e visitantes poden gozar tambén dalgunas das máis espectaculares e extraordinarias paisaxes de Europa. Percorrendo unha das máis altas e esgrevias zonas costeiras de Europa: a Senda Litoral ou Camiños Milenarios, inzada de lendas, singulares e impresionantes monumentos como o Cercado Neolítico de A Lagoa, o primeiro henge atopado en España, e un dos grandes monumentos megalíticos do mundo e o que, sen dúbida, concentra o maior número de lendas de Galicia: a barca lunar da Pena Molexa. Esta última, un xigantesco disco de pedra encabalgado e orientando á saida do sol e a lúa no ano metónico.

Os paseos marítimos de Xuvia e da Gándara, o Parque Fluvial do Río Freixeiro, o Parque Temático de Aldea Nova, co mirador e lendas do Monte Esperón, dominante sobre O Val de Trasancos, a área recreativa de Pedroso, o Castro de Eiravedra, a espectacular necrópole neolítica do Monte do Seixo-A Moura que conta con dúas monumentais pedras de cuberta dun dolmen, que deixaron “in situ” ao pé da canteira. 

O Marco de Portonovo completa as posibilidades que o noso concello ofrece á veciñanza e aos visitantes a nivel turístico. 

As opcións son moito máis amplas e variadas. No termo municipal é posible realizar un completo roteiro polos muiños industriais. Localízanse en Narón tres dos máis importantes muiños industriais da España da Ilustración:

  • Hidráulico: a Real Fábrica de Fariñas do Ponte de Xuvia;
  • De marea:  a Real Fábrica de Fariñas de Lembeie das Aceas do Ponto,
  • E de Vento: Muiño de Vento de San Mateo.

A estas tres construcións súmanse os muiños tradicionais do rio Xuvia, ou de Pedroso e Doso

Cidade hospitalaria donde  as haxa, Narón dispón ademais dun variado sector hostaleiro permitindo o disfrute dos excelentes productos locais. O célebre pemento do Couto, creado, seguramente, polo prior ilustrado Frei Felipe Colmenero,  no século XVIII no priorato de Xuvia, con indicación Xeográfica protexida e cunha festa de exaltación propia que se celebra na parroquia do mesmo nome, O Couto, cada mes de xullo.

O calendario de citas festivas complementase a perfección con outros recoñecidos eventos, como o Oenach Atlántico de Sedes, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, e que se convoca entre finais de Xullo e principios de agosto; a Pena Molexa, no Val, tamén en xullo; a Romaria da O, en Pedroso, no mes de maio; ou a Recreación Tradicional da Esfolla, en Doso, en novembro.

A todas estas convocatorias, que reflicten parte da historia dos nosos ancestros, súmanse eventos como o Festival Folclórico Internacional, no Pazo da Cultura cada mes de Xullo. E, como non podía ser doutro xeito, o 23 de novembro, festivo local desde o ano 1993, ten un significado moi especial para todos os veciños e veciñas de Narón. Foi precisamente un 23 de novembro, pero do ano 1837 cando apareceu recollido por primeira vez nun ha acta o nome de Narón. 

Coñecedores do gran potencial da cidade, tanto no núcleo urbano como na zona rural, desde a área de Turismo convidámosvos a gozar desta acolledora cidade, donde sempre contaredes coa calorosa acollida dos naroneses e naronesas.

Natalia Hermida Rico
Concelleira de Turismo de Narón