Esgotadas as prazas para asistir ás saídas programadas pola Ruta dos cantís de Narón

venres, 11 de Xuño de 2021

Debido á elevada demanda se programarán novas saídas por esta mesma ruta nunhas datas aínda por determinar.

O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, anunciou que se esgotaron as prazas dispoñibles para asistir os vindeiros 12 e 20 de xuño ás saídas programadas pola “Ruta dos cantís de Narón”. En ambos casos se estableceu un máximo de 25 persoas por ruta debido á actual situación sanitaria.

O xeólogo Francisco Canosa participará nesta convocatoria, informando aos asistentes durante o percorrido sobre a xeoloxía e bioloxía da zona. O programa enmárcase no proxecto do Golfo Ártabro Norte –“Narón abierto al mar”- e conta coa participación da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP).

O edil naronés asegurou que debido á elevada demanda se programarán novas saídas por esta mesma ruta nunhas datas aínda por determinar pero que se anunciarán dende o Concello. Dende o Consistorio poranse en contacto coas persoas que teñen praza para proceder a realizar a inscrición definitiva na actividade.