A festa dos Maios organizada polo Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa celebrarase este sábado

mércores, 3 de Maio de 2023

A programación comezará ás 11.00 horas na Praza de Galicia.

A festa dos Maios organizada polo Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa celebrarase este sábado

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, e Maribel Mouriz, María José Yáñez e Abel González –vicepresidenta, tesoureira e integrante respectivamente- da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, presentaron esta mañá a programación da festividade dos Maios, que terá lugar este sábado, día 6. Ferreiro destacou o traballo realizado dende Areosa para poder desenvolver un ano máis este evento festivo e tamén agradeceu “a implicación das veciñas e veciños e dos escolares da cidade que cada ano elaboran maios que se poderán ver o sábado na Praza de Galicia.

A programación comezará ás 11.00 horas na Praza de Galicia, donde como cada ano se elaborará unha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas e cunhas dimensións de dez metros de alto por dez de ancho. Na decoración da mesma, unha vez deseñada, poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. Así mesmo, tamén pola mañá e na Praza de Galicia, haberá un obradoiro de arte floral, no que se amosará como se realizou o traballo realizado nos organizados dende o Padroado da Cultura.

Ás 16.30 horas será a concentración dos Maios nas inmediacións do Centro Cívico Social de Piñeiros, dende onde partirán ás 17.00 horas en comitiva cara á praza de Galicia. Unha vez cheguen a esta última localización, sobre as 18.00 horas, terá lugar a recepción oficial, con música tradicional a cargo dos grupos do Padroado da Cultura. Haberá tamén na praza unha Mostra de Arte floral, cos Maios realizados tanto nas entidades veciñais como nos centros de ensino, nos que o alumnado de Infantil e primeiro ciclo de Primaria participou nos obradoiros impulsados cada ano dende o Padroado.

Desde o Concello de Narón solicítanse desculpas polas molestias que poida ocasionar ao tráfico rodado o desfile previsto o sábado por un tramo da estrada de Castela –de Piñeiros ata a Praza de Galicia-. 

A alcaldesa e os integrantes da Sociedade Cultural Areosa animaron ás veciñas e veciños a festexar un ano máis a chegada da primavera con esta celebración e desfrutar dunha xornada con carácter interxeracional, moi participativa e cun marcado carácter tradicional.