I Open de pádel adaptado Predif Galicia-Concello de Narón

xoves, 24 de Agosto de 2017

Este evento deportivo celebrarase os días 26 e 27 de agosto en Río do Pozo, concretamente no club P6 Narón 

Álvaro Illobre en acción

As instalacións do Club P6 de pádel localizadas no polígono de Río do Pozo acollerán esta fin de semana, os días 26 e 27, o “I Open de pádel adaptado Predif Galicia-Concello de Narón”. No evento, organizado polo Concello de Narón, Predif Galicia e o Club ADM, en colaboración con Decathlon e o Club P6, participarán oito parellas, galegas e tamén procedentes de Madrid, Valencia e do País Vasco, tal e como indicaron desde a organización. Os xogadores optarán a varios premios en metálico, que ascenden en conxunto a 1.000 euros e que se repartirán en función dun baremo federativo, entregándose tamén trofeos para os gañadores e os subcampións.

O sábado pola mañá disputaranse os partidos de primeira ronda, a partir das 12.00 horas, e primeira ronda de consolación. En horario de tarde, desde as 16.30 horas, terán lugar as semifinais de primeiro cadro e consolación. Tamén o sábado terá lugar unha xornada de escola –bautismo de pádel- para outras discapacidades, patrocinada pola Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA). Esta última proposta dará comezo ás 17.30 horas e á mesma asistirán rapaces e rapazas procedentes da Coruña e de Vigo.

O domingo xogaranse as finais a partir das 13.00 horas.

Esta convocatoria aposta por potenciar a presencia de eventos deportivos na comunidade, un dos obxectivos marcados por parte de Predif Galicia e do Club ADM, co fin de impulsar a integración a tódolos niveis, realizando deporte e compartindo experiencias con persoas con e sen discapacidade, tal e como indicaron. O edil de Deportes, Román Romero, incidiu en que o Concello de Narón comparte tamén estes obxectivos, ofrecendo en todo momento a colaboración precisa para o desenvolvemento deste evento. 

O concelleiro naronés destacou a importancia de que as administracións e os clubes se impliquen e colaboren neste tipo de eventos e amosou a súa confianza en que a cita teña continuidade nos vindeiros anos. Así mesmo, Romero convidou á cidadanía a asistir ao “I Open de pádel adaptado Predif Galicia-Concello de Narón”, no que se poderá comprobar o elevado nivel dos xogadores de pádel dos clubes locais, así como doutros procedentes doutras comunidades.