Mercado Medieval, circo, teatro e música completan a oferta cultural e de lecer esta fin de semana en diferentes ubicacións da cidade

venres, 13 de Xullo de 2018

A apertura esta tarde do Mercado Medieval no Parque do Río Freixeiro marcará o inicio dunha intensa fin de semana de eventos culturais e de lecer que se sucederán ata o vindeiro domingo, día 15, en varias ubicacións da zona urbana e rural do municipio.

O Mercado Medieval poderá visitarse hoxe a partir das 18.00 horas e contempla unha gran variedade de propostas musicais e espectáculos que continuarán mañá e o domingo, en ambos casos a partir das 11.00 e desde as 18.00 horas.

Tamén mañá se retomarán na cidade as sesións de circo, cunha última programada na Praza da Constitución (A Solaina) a partir das 12.00 horas. A compañía Pistacatro protagonizará dous novos espectáculos, Vueltos de rosca e Mr. Lupo. Na primeira das propostas as acrobacias e equilibrios propios do circo clásico e contemporáneo centrarán a cita, se ben na segunda, a maiores dos equilibrios circenses o público poderá tamén ver as peripecias de Mr. Lupo, entre as que non faltarán os lanzamentos e os saltos mortais.

A programación do sábado ofrece tamén teatro, a partir das 21.00 horas no local da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, en Pedroso. Nesta ocasión o protagonista será o Grupo de Teatro Xuvenil da Pombiña, que representará a súa nova obra: Casting para Melchor. Esta peza, escrita e dirixida por Pepablo Patinho, conta a historia dunha vila na que a persoa que habitualmente asume o papel de Melchor na cabalgata de Reis sofre un percance, obrigando ao alcalde a realizar un casting entre a veciñanza para elixir ao substituto deste Rei Mago. O Concello de Narón e a Deputación da Coruña colaboran coa Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña nesta convocatoria. 

O domingo, a maiores da última das tres xornadas do Mercado Medieval no Parque do Río Freixeiro, terá lugar a partir das 12.30 horas na rúa Francisco Pizarro, na Solaina, unha nova sesión do programa municipal Verde que te quero verde. Martiña Soñadora e A Banda do Garaxe serán os encargados dos dous espectáculos, dirixidos a todo tipo de públicos e nos que a música cobrará un papel protagonista. A primeira das agrupacións está integrada por Sabela King e Carlos Gil, un dúo de recente creación especializado en divertir, coa súa música e bailes, ás nenas e nenos, a través de diferentes ritmos: brasileiros, portugueses, rock and roll... e con letras maioritariamente en galego, aínda que tamén algunhas composicións propias noutros idiomas. No caso da Banda do Garaxe, trátase dun proxecto musical impulsado a través da Asociación Cultural Musical Sementeira, de Narón, e integrada por doce músicos da comarca, cun repertorio formado por arranxos de música moderna e festiva.