O cómico Luis Piedrahita e o músico Xoél López abrirán a programación do mes de abril no Pazo da Cultura

venres, 5 de Abril de 2019

O monólogo teatral e a música voltarán esta fin de semana ao Pazo da Cultura da man da compañía Etiqueta Negra, que traerá ao cómico Luis Piedrahita, e de Xoel López, que presentará o seu último disco, Sueños y Pan. Dous artistas galegos protagonizarán a programación cultural de hoxe e do sábado no Pazo.

O monólogo Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, do cómico galego Luis Piedrahita, abrirá a programación deste mes de abril no Pazo da Cultura. O show poderá verse hoxe, ás 20.30 horas, da man da compañía Etiqueta Negra e o público poderá desfrutar co humor de Piedrahita, centrado nunha filosofía de vida propia e no que a espera e o humor teñen un papel principal.

As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Culturawww.padroadodecultura.es- a un prezo en venda anticipada de 18 euros no patio de butacas; 16 na platea 1 e 14 na platea 2, se ben o día do espectáculo o prezo será de 20 euros no patio de butacas, 18 na platea 1 e 16 na platea 2.

O músico coruñés Xoel López actuará o sábado, a partir das 20.00 horas e coa decena de temas do seu novo traballo, Sueños y Pan (2017) reivindica o pan para poder soñar e construír un novo espazo. Este disco é o terceiro traballo en solitario de López e o décimo cuarto da súa carreira musical. Entre as cancións combínanse diferentes estilos musicais, froito dunha nova etapa de López, con este disco, último da triloxía en solitario que forman Atlántico e Paramales, dos anos 2012 e 2015 respectivamente. As entradas teñen un prezo de 25 euros para o público xeral e 17,50 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).