O Concello abre hoxe prazo de inscrición nunha andaina pola Gándara, O Couto e Xuvia

luns, 8 de Maio de 2023

O Concello organiza unha andaina o vindeiro 21 de maio que discurrirá polas parroquias da Gándara, O Couto e Xuvia. 

As persoas que desexen anotarse nesta primeira camiñata da tempada do programa municipal “Ponte en ruta con nós” poderán facelo dende hoxe ata o 16 de maio (incluído), en horario de 8.30 a 13.30 nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo municipal da Gándara. O prezo da andaina é de cinco euros por persoa.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, explicou que as persoas participantes partirán do pavillón polideportivo da Gándara o día 21 ás 9.15 horas, debendo estar nas inmediacións desta localización quince minutos antes. Dende aí iniciarán un percorrido duns 13 quilómetros polo paseo da Gándara, o Camiño Inglés, o mosteiro do Couto e o paseo de Xuvia, onde se realizará un reagrupamento de participantes para regresar ao pavillón polideportivo da Gándara pola nova senda peonil e ciclista que une os paseos de Xuvia e Freixeiro.

A iglesia do Lodairo e a área recreativa do Couto serán outras das localizacións polas que pasarán os e as participantes na andaina. Dende o Concello animouse á cidadanía a participar nesta convocatoria, cuxa ruta se pode ver a través do enlace: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ponte-en-ruta-con-nos-mayo-2023-133809491#wp-133809511.