O Concello inicia os actos da Semana do Marisco cun obradoiro no que participarán hoxe unha vintena de hostaleiros da cidade

martes, 10 de Xullo de 2018

O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá esta tarde, a partir das 17.30 horas, un Obradoiro de marisco no que participarán unha vintena de hostaleiros da cidade.

O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, explicou que esta convocatoria, impulsada polo Concello a través do Club Narón Gastronómico, “supón o primeiro paso para a celebración da Semana do Marisco, que terá lugar na cidade entre o 19 e o 29 de xullo e na que tamén se enmarca a Festa de exaltación da ameixa rubia (Alteada) do vindeiro 22 de xullo en Xuvia”.

O cociñeiro do restaurante A Gabeira, Miguel Campo, será o encargado de impartir este obradoiro, no que os asistentes terán a oportunidade de fomarse en técnicas de conservación e preparación de diversos pratos ou creacións gastronómicas a base de marisco.

“O obradoiro de hoxe é preparatorio dunha iniciativa novidosa no Concello: a Semana do Marisco, que se celebra arredor da Alteada de Xuvia. A idea é que os establecementos que se adhiran inclúan na súa oferta/carta algunha creación, prato ou tapa que teña un (ou varios) destes mariscos: ameixa rubia, carneiro, ostra, zamburiña e mincha”, explicou Villamar. O edil naronés subliñou o feito de que se trata “de especies comerciais da ría de Ferrol que cremos poden ser promocionadas nun evento destas características” e destacou tamén a importancia de “pór en valor a riqueza marisqueira da ría, agora que a mellora biolóxica comeza a se notar grazas á entrada en funcionamento do sistema de depuración”.