O programa “N de Narón. A Festa das Letras” comeza hoxe con varios actos para conmemorar na cidade o Día das Letras Galegas

mércores, 16 de Maio de 2018

O Concello de Narón desenvolverá hoxe mércores e mañá xoves na Praza da Lectura, en Santa Icía, varios actos para conmemorar o Día das Letras Galegas a través da iniciativa “N de Narón. A Festa das Letras”.

Na xornada de hoxe as actividades programadas para festexar esta data, que este ano se adica á mestra e escritora María Victoria Moreno, consistirán nunha actuación de A Corral Poliafónica, do Aturuxo de Melpómene, a partir das 21.00 horas. Carlos Mosquera, Mos, dirixirá ao grupo que actuará para a ocasión, versionando temas clásicos e combinándoos na actuación con outros máis recentes. A continuación terá lugar un concerto do Cuarteto Caramuxo, centrado na música popular galega, que comezará sobre as 22.00 horas. 

Na xornada de mañá xoves día 17 haberá unha variada programación que comezará pola mañá, ás 12.00, cun concerto do músico galego Pablo Díaz ao que seguirán, xa pola tarde, o espectáculo de música tradicional de A Banda das apertas, de Magín Blanco, a partir das 17.30 e tamén desde as 18.30 horas Circanelo, de Fredy&Cía, sobre técnicas circenses.

Tanto na xornada de hoxe como na de mañá xoves, Día das Letras Galegas, habilitarase a Praza da Lectura un espazo de lectura, no que haberá tres áreas diferenciadas. Unha delas reservarase para a Biblioteca municipal, que levará varias publicacións en galego para fomentar a lectura entre tódalas persoas que acudan aos actos programados en Santa Icía. Así mesmo, nos dous restantes as librarías locais Galicia e Day porán á venda numerosos exemplares en galego dirixidos a diferentes tipos de público.

As actividades do Día das Letras Galegas inclúen ademais un espectáculo de Caxoto contacontos, Unha viaxe mar adiante. Terá lugar o sábado 19 na Biblioteca municipal, a partir das 11.00 horas e poden asistir nenas e nenos maiores de 4 anos e as súas familias. Este espectáculo é unha homenaxe de Caxoto a María Victoria Moreno e trátase dunha actuación multidisciplinar, na que se combinan os contos coa música, o movemento… e a través do que se recorda a figura da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Para poder asistir é preciso reservar praza nas propias instalacións da Biblioteca municipal ou chamando ao número de teléfono 981 382 173, no horario de apertura habitual.