As árbores do Río Xuvia

Árbores na área recreativa do Río Xuvia en Pedroso. Imaxe seleccionada no V Concurso de Fotografía "Cidade de Narón". Autor: Alberto Canosa Díaz.

O ameneiro é unha das árbores da beira dos ríos que máis altura pode alcanzar, achegándose en ocasións aos 25 metros. Estas árbores conforman o aspecto xeral deste bosque e precisan que as súas raíces estean encharcadas, por iso se encontran tan próximos á beira do río.

Os ameneiros debuxan as beiras do río

A madeira do ameneiro empregouse para facer pontes, pezas de muíños, etc., pois resiste moi ben a humidade e non podrece facilmente. Os ameneiros teñen, ademais, outra curiosidade: as súas raíces están asociadas a uns fungos que lles permiten fixar o nitróxeno da atmosfera e, deste xeito, enriquecen enormemente o solo sobre o que viven.

O salgueiro pode vivir na auga

Outra árbore común é o salgueiro, unha especie que soporta perfectamente as grandes crecidas do río. Fíxate nas súas follas. Teñen unha cor cinsenta escura moi característica. Coas súas flexibles polas fanse cestos.

É unha árbore que florece moi cedo. A partir do mes de febreiro e antes de que abrochen as follas aparecen as flores. O feito de que as flores saian tan cedo convérteno nunha árbore moi visitada polas abellas e por outros insectos, que ao tempo que encontran alimento facilitan a polinización dos salgueiros.

No río hai moita diversidade de árbores

Outra das árbores que vive cerca do río é a abeleira, unha árbore xeralmente baixa co tronco moi dividido desde a base. Os seus froitos comestibles fixeron que acompañase a humanidade desde a antigüidade. As súas pólas dan unhas excelentes varas para camiñar.

O freixo é outra árbore que vive case sempre próxima aos cursos de auga. Coa madeira do freixo facíanse os mangos dos apeiros de labranza ou os eixes dos carros. As súas sementes están rodeadas dunhas as membranosas.No percorrido polo río tamén podemos atopar chopos, pradairos, carballos, castiñeiros, bidueiros…

Os fentos unhas plantas moi antigas sen flores

Os fentos estaban na Terra hai 500 millóns de anos e formaron extensos bosques. Unha das súas características principais é a de se reproduciren por esporas. A súa diversidade no mundo é enorme e ao longo do río teremos a oportunidade de ver o fento real ou dentabrún, que ten as súas esporas no cumio da planta, unha estratexia de adaptación que lle permite protexer as esporas das enchentes do río.

Acompañan esta especie ao longo do río outras como o fento macho ou común, o blecho ou fento fero e os fentos protexidos de grande porte Culcita macrocarpa ou Woodwardia radicans, que son especies singulares, sobreviventes dun clima subtropical.