A forza das augas do Xuvia crea desenvolvemento económico: muíños e fábricas

A forza do Río Xuvia foi aproveitado polos veciños e veciñas da localidade

A carón da ponte do río Xuvia podemos observar o muíño de Xuvia, que tivo unha grande importancia como motor industrial. En 1858 era o principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase.

En 1858 era o principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase; recibía o trigo en barcos vidos do Báltico, de América e de Santander. Pero non acabou aí a súa contribución á economía da zona, e anos máis tarde este muíño fariñeiro chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre.

A posterior perda da súa importancia económica non lle restou nin un ápice da súa beleza ao conxunto arquitectónico co río.

En fronte do muíño, na beira de Neda, vense os restos da antiga Fábrica de Xuvia, como se coñece popularmente esta factoría que comezou sendo Fábrica Nacional e Cobraría de Xuvia, en 1790, para abastecemento de materiais de cobre aos estaleiros de Ferrol. Converteuse en Real Fábrica de Moeda ou Ceca en 1811, emitindo moeda en nome do rei lexítimo, Fernando VII. En 1812 cuñáronse as primeiras moedas, concretamente moedas de 8 marabedís, e deixou a súa actividade en 1868. 

O terreo vendeuse en poxa en 1873 e converteuse en fábrica téxtil, elaborando teas de liño de gran calidade. Na actualidade segue a fabricar tecidos a empresa Galicia Textil, S.A., elaborando fiados e tecidos de algodón 100%.

Antes de chegarmos á aldea de Retorta, podemos cruzar a ponte de orixe medieval sobre o Xuvia e ver o muíño de Gradaílle. A súa construción con planta baixa e primeiro andar, as tres moas e a presa en roda que abastece de auga o muíño dannos unha idea da importancia que tivo no pasado para a zona.