O bosque de ribeira coida e conserva a riqueza do río Xuvia

Contorna do Río Xuvia en Pedroso

Os bosques de ribeira semellan gardar o río como un tesouro.

Forman un estreito corredor verde que se estende ao longo do seu leito. Desde os séculos pasados ata a actualidade, como consecuencia dos aproveitamentos humanos, este bosque caducifolio viu recortada a súa extensión. Transformáronse as zonas baixas dos vales e as máis próximas ao río, moi fértiles polas periódicas enchentes do río, en campos de cultivo, prados de regadío moi produtivos de herba para pastar o gando e aldeas con boa dispoñibilidade de auga.

Este bosque cumpre un papel fundamental para axudar a conservar os nosos ríos, prestándonos unha serie de servizos esenciais para a supervivencia e calidade de vida dos humanos:

  • Por un lado, as súas raíces fixan as marxes e, desta forma, evitan a erosión que provocarían as chuvias torrenciais.
  • Tamén filtran determinadas augas contaminantes.
  • Axudan a regular a temperatura das augas do río, manténdoa case constante, especialmente no verán.
  • Os bosques de ribeira serven de refuxio e despensa de alimentos para unha gran diversidade de animais.

Actúan como corredores de vida ao facilitaren a dispersión das especies e comunicaren os distintos lugares do territorio, diversificando a paisaxe.