Juan Casal Mera, veciño de Ferrol, obtivo o primeiro premio do "VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón"

venres, 22 de Decembro de 2017

“Freixeiro Blues” é o título da imaxe presentada por Juan Casal Mera á oitava edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón que obtivo o primeiro premio deste certame.

Juan Casal Mera, veciño de Ferrol, obtivo o primeiro premio do "VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón"

Tralo reconto da puntuación do xurado, do que formaron parte os fotógrafos Kiko Delgado, de El Correo Gallego; Jesús G. Taboada, propietario do estudo F64 Fotógrafos e Daniel Alexandre, de Diario de Ferrol, Juan Casal, veciño de Ferrol, alzouse cun premio dotado económicamente con 750 euros, entregado o martes 19 ás 13.00 horas no Concello.

O segundo e o terceiro premio deste certame recaeron en dous veciños de Narón. Francisco Javier Rodríguez Fariñas conseguíu o segundo coa imaxe titulada “Casona San Román”, e José Antonio Serantes Varela o terceiro con “Vas a mirarme?”, dotados con 300 e 150 euros, respectivamente. A calidade técnico artística, a orixinalidade e a representatividade do concello de Narón foron os tres parámetros que valorou o xurado á hora de puntuar as imaxes presentadas. 

A concelleira de Turismo recordou que do total de fotografías presentadas a este concurso, 139, se seleccionaron as outras nove que obtiveron maior puntuación para ilustrar o calendario de sobremesa que editará o Concello para o ano 2018. “Queremos agradecer un ano máis o gran respaldo que está obtendo este certame fotográfico, non só entre a veciñanza de Narón, senón tamén doutros concellos da comarca e da provincia que cada ano presentan imaxes relacionadas coa nosa cidade para participar”, destacou Hermida. A edil naronesa indicou que nesta ocasión se recibiron fotografías de persoas de concellos como Fene, Pontedeume, As Pontes e A Coruña, entre outros, “o que amosa o gran seguemento que ten esta convocatoria entre os afeccionados e profesionais da fotografía”. 

Hermida destacou o feito de que “con este tipo de convocatorias, desde o goberno local tratamos de dar a coñecer dun xeito diferente, neste caso a través da fotografía, algúns rincóns máis ou menos coñecidos da nosa cidade, que en materia de Turismo ten moito que ofrecer”.

As imaxes seleccionadas para o calendario de sobremesa poden verse na galería de imaxes do concurso e na conta de Instagram da Concellería de Turismo.

PRIMEIRO PREMIO

“Freixeiro Blues” de Juan Casal Mera.

SEGUNDO PREMIO

“Casona San Román” (Casa da Torre) de Francisco Javier Rodríguez Fariñas.

TERCEIRO PREMIO

"Estás a mirarme?" de José Antonio Serantes Varela.