Máis de 230 ciclistas participarán este domingo na IV BTT Cidade de Narón organizada polo clube MTB Eskornabois e o Concello

venres, 7 de Setembro de 2018

Un total de 238 persoas inscribíronse na ruta cicloturista que terá lugar este domingo na cidade.

A cuarta edición da BTT Cidade de Narón organizada polo clube MTB EskornaBois e o Concello comezará ás 9.30 horas, con saída das inmediacións do Centro Comercial Odeón e rematará no pavillón polideportivo da Gándara, donde está previsto que cheguen os primeiros participantes sobre as 11.30. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou a convocatoria acompañado por Daniel Martínez, presidente do clube, José Luis Fernández, secretario, e Begoña Espina e Luis Rodríguez, socios da citada entidade deportiva.

Os representantes do MTB Eskornabois destacaron a participación nesta proba dun total de doce mulleres, calificando a cifra como “alentadora con respecto a outros anos e difícil de acadar neste tipo de eventos deportivos”. Os ciclistas realizarán unha das dúas rutas deseñadas para a ocasión, unha longa, de 42 quilómetros, e outra máis curta, de 32. O trazado discorrerá polas inmediacións do mosteiro do Couto, por tramos do camiño de Santiago e San Andrés, e do muíño das Aceñas, entre outros puntos da cidade. 

O presidente do clube agradeceu o traballo realizado pola organización para poder convocar un ano máis esta ruta cicloturista e o respaldo do Concello, “sen o que sería imposible realizar este evento”, asegurou, así como o de patrocinadores e colaboradores.

O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou o éxito desta convocatoria, que alcanza este ano a súa cuarta edición cunha importante cifra de participación e felicitou ao Club MTB Eskornabois polo traballo realizado en canto á organización do mesmo. Romero animou tamén aos participantes e ao público a desfrutar deste evento deportivo.