O “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular” desenvolverase do 3 ao 31 de marzo no Pazo da Cultura

luns, 20 de Febreiro de 2023

A concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, presentou a oitava edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que se desenvolverá do 3 ao 31 de marzo no Pazo da Cultura.

A convocatoria, tal e como avanzou a edil naronesa, inclúe un ciclo para adultos e outro infantil e tamén actividades paralelas nas que participarán varios profesionais do sector teatral. O Padroado da Cultura organiza este evento cultural, que conta coa colaboración de Redelae, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Nesta edición, tal e como indicou Ameneiro, poderanse ver nove monólogos para adultos, entre os que se inclúe unha estrea en Galicia e dúas estreas absolutas, e catro para público infantil.

O 3 de marzo ás 20.30 horas poderase ver “Piano Blanco”, protagonizado pola arxentina Jimena González e que se estreará por vez primeira en Galicia. As seguintes citas serán o día 4 ás 20.00 horas, con “Continente María”, con Melania Cruz e Vadim Yukhnevich; o 10 ás 20.30 horas poderase ver “Señora de rojo sobre fondo gris”, de José Sacristán e o 11 ás 20.00 “Christiane”, da tamén arxentina Belén Pasqualini. A semana seguinte, o día 17 ás 20.30 será o turno de “Iphixenia na porta do súper”, estrea absoluta en Galicia e protagonizada por Alba Caneda, para continuar o día 18 con "Lorca en Nueva York", ás 20.00 horas con Alberto San Juan; e o día 24 ás 20.30 con “Feirantes”, de Imma António e o 25 ás 20.00 con “The Witch, un espectáculo ritual”, interpretado por Diana Sieira. Os monólogos para público adulto rematarán o día 31, cando ás 20.30 horas dará comezo “Entra en escena”, outra das estreas absolutas neste caso con Sandra Martínez, Elvira Arranz, Luis Pérez e Alejandro Valcárcel.

En canto ao Singular infantil, os monólogos darán comezo o día 5, con “Zapatos”  interpretado por Laura Sarasola e seguiranlle “U-la Lúa?” o día 12, con Celia Filgueiras; “Coser e Cantar”, o día 19, con Marta Ortiz, e finalmente “Flipa cos contos” o día 26, con Fran Campos.

“Este é un festival no que cobran especial protagonismo as compañías galegas, que realizan un traballo excepcional e ás que queremos respaldar un ano máis dende Narón, xunto con outras de Madrid e Arxentina que este ano participarán neste festival”, apuntou a concelleira de Cultura.

Dun xeito complementario haberá unha serie de actividades paralelas, como un obradoiro de teatro sobre “Comportamentos corruptos”, impartido por Marianella Moreno, que se levará a cabo do 27 de febreiro ao 2 de marzo, en horario de 16.00 a 22.00 horas no Auditorio Municipal.
O día 23 ás 20.00 horas o Café Teatro do Pazo acollerá a charla “El teatro que no quiere olvidar”, con Mariano Llorente e o 18 de marzo ás 11.30 dará comezo a rolda de negocios “Encontro con programadores nacionais e internacionais (membros de Redelae) e compañías de teatro galegas”. Esta convocatoria permitirá, avanzou Ameneiro, “abrir vías de colaboración nas que as compañías poidan ofrecer os seus espectáculos para programalos en festivais do sector”. 
A última das actividades programadas será a asamblea de Redelae, o 19 de marzo ás 10.00 horas no Café Teatro do Pazo.

As persoas interesadas en asistir aos monólogos poden adquirir xa as entradas no despacho de billetes do Pazo o una web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.